Tuesday 30 de April de 2024

Case 450 traballadores da Xunta acolléronse xa ao réxime de xubilación parcial acordado entre administración e sindicatos


Este sistema, aplicable ao persoal laboral da Xunta, permite acceder a unha redución de xornada a partir dos 61 anos

Case 450 traballadores da Xunta acolléronse xa ao réxime de xubilación parcial acordado entre a Administración galega e as organizacións sindicais. En concreto, a Dirección Xeral da Función Pública aprobou 447 solicitudes de xubilación parcial para o persoal laboral da Xunta, un procedemento totalmente voluntario que o traballador pode solicitar a partir dos 61 anos.

O empregado público pode solicitar a redución da súa xornada entre un mínimo dun 25% e un máximo do 75%. As categorías profesionais que concentran maior número de xubilacións parciais son as de limpador, auxiliar de enfermería, auxiliar sanitario, camareiro, celador, axudante de cociña ou pinche de cociña.

Do total de traballadores beneficiados ata o momento, 135 son empregados públicos da rede de centros de benestar da Consellería de Política Social.

Cada unha das xubilacións aprobadas pola Xunta tradúcese nun novo traballador ocupado, xa que todos os profesionais que se acollen á xubilación parcial son substituídos por outro empregado público que cubre exactamente a parte da xornada laboral que deixa de facer a persoa interesada.

Polo tanto, este proceso non supón perda de efectivos, senón o mantemento do emprego e o rexuvenecemento dos cadros de persoal, xa que a persoa que realiza o relevo sempre ten menor antigüidade no posto de traballo que a persoa á que substitúe.

Así, as 447 xubilacións parciais xa aprobadas supuxeron o acceso á Administración galega doutras 447 persoas. Estas últimas son seleccionados a través das listas de contratación temporal da Xunta de Galicia, elaboradas ao abeiro do decreto 37/2006.

Antes de que a Xunta resolva favorablemente a petición de xubilación parcial, traballador e Administración teñen que chegar a un acordo sobre a xornada a realizar e a parte da xornada que pasará a asumir o relevista. En todo caso, a xubilación parcial facilita o tránsito progresivo dende o servizo activo á xubilación completa.

Condicións pactadas cos sindicatos
As condicións de acceso á xubilación parcial para o persoal laboral da Xunta establecéronse nun acordo subscrito de xeito unánime entre a Administración e os sindicatos con representación no Comité Intercentros de Persoal Laboral (CIG, CCOO, UXT e CSIF).

Ademais de ter cumpridos os 61 anos, as persoas solicitantes deben ter 30 anos cotizados e acreditar un período de antigüidade na Administración galega de polo menos seis anos inmediatamente anteriores á data da xubilación parcial.